A primavera no prato ALIMENTES
Acabamos de estrear a primavera! Os días son máis longos, as temperaturas máis agradables e a nosa cociña comeza a encherse de cor. Non só toca cambio de armario, senón tamén de despensa 😉. Comezamos a abandonar os pratos máis contundentes do inverno para gozar de propostas máis lixeiras e frescas. En Gadis temos unha ferramenta que pode axudarche a organizar os menús desta nova estación de maneira sinxela e intuitiva: o prato ALIMENTES: o menú saudable. Hoxe a primavera entra no prato ALIMENTES! Segue lendo!

A primavera no prato ALIMENTES
Podes usar o prato ALIMENTES como unha guía visual para deseñar os teus menús de maneira saudable. Atoparás as proporcións que deberías incluír dos distintos grupos de alimentos nos teus pratos: ½ prato de vexetais e froitas, ¼ prato de proteínas saudables (fundamentalmente, aves, peixe ou legumes) e ¼ prato de grans integrais (pan, pasta e arroz integrais, quinoa ou pataca). Non sempre é fácil cumprir estas indicacións, pero non te preocupes! Podes ir compensando ao longo do día, ideando os menús completos de cada xornada.
Receitas de primavera co prato ALIMENTES
Un menú saudable non só implica beneficios para a túa saúde, senón tamén para a do planeta. Por iso, sempre insistimos no consumo de produtos de tempada e de proximidade. E os alimentos que enchen a nosa sección de froitas e verduras durante esta época do ano disparan a nosa creatividade na cociña. Non che pasa a ti tamén? Aquí che deixamos algunhas propostas!
1. Ensalada de garavanzos con verduras de primavera

Ingredientes:
- ½ taza de garavanzos cocidos
- 1 tomate
- 1 cogombro
- 3 rabaniños
- 1 cebola
- Cilantro
- Aceite de oliva
- Sal
- Pementa negra moída
Preparación:
- Lava e pica as verduras e as herbas.
- Mestura todo nunha ensaladeira e agrega os garavanzos.
- Sazona con sal, pementa e aceite.
2. Bowl de quinoa, verduras e ovo
Ingredientes:
- 120 g quinoa
- ½ cebola
- ½ pemento vermello
- ½ pemento verde
- 1 cenoria
- 1 cabaciña
- Herbas provenzais
- 2 ovos
- Sal
- Aceite de oliva virxe extra
Preparación:
- Prepara a quinoa seguindo as indicacións do paquete e reserva.
- Pela e corta en anacos pequenos a cebola e a cenoria.
- Lava os pementos e córtaos en anacos de igual tamaño aos da cebola e a cenoria.
- Lava a cabaciña e córtaa en pequenos dados.
- Quenta un pouco de aceite nunha cazola e pocha a cebola e os pementos a lume moi suave durante 10 minutos. Engade a cenoria e pocha 10 minutos máis antes de incorporar a cabaciña. Cociña outros cinco minutos. Sazona e condimenta coas herbas provenzais.
- Agrega a quinoa, remove misturando todo ben e retira do lume.
- Prepara dous ovos. O ideal é que utilices unha técnica que non achegue graxa: escalfados, cocidos, pasados por auga, a baixa temperatura… Serve a quinoa coas verduras nun bowl e coloca o ovo encima.
3. Cabala á prancha con ensalada cremosa de remolacha e xenxibre

Ingredientes:
- 4 filetes de cabala limpa
- 2 remolachas cocidas ou asadas
- 1 trociño de xenxibre fresco
- Un feixe pequeno de coandro fresco
- 1 limón
- 5 ml de mostaza de Dijon
- 40 ml queixo fresco batido
- Aceite de oliva virxe extra
- Pementa negra moída
- Sal
- Canónigos ou outra folla verde tenra
Preparación:
- Escorre ben a remolacha, seca con papel de cociña e pica en cubos pequenos.
- Pela o xenxibre e pica ou rela moi fino.
- Lava, seca e pica o coandro.
- Mestura estes ingredientes nun cunco, engade un chorro de limón e salpimenta lixeiramente. Agrega a mostaza, o queixo fresco e mestura ben. Corrixe a acidez e o punto cremoso.
- Retira posibles restos de aletas das cabalas e enxuaga con suavidade en auga fría. Seca con coidado.
- Cociña as cabalas á prancha (primeiro pola parte da pel) e salpimenta. Busca que queden cun punto crocante.
- Adereza cun pouco de zume de limón pola parte da carne e serve coa ensalada de remolacha, colocando a cabala coa pel cara arriba. Acompaña cuns cóengos ou outras follas verdes que che gusten.
4. Pudin de mango con sementes de chía

Esta receita necesita prepararse con antelación porque as sementes de chía necesitan hidratación para activarse e que proporcione a textura de pudin.
Ingredientes:
- 70 g de sementes de chía crúas
- 500 ml de leite de coco sen azucre
- 1 culleradiña de extracto de vainilla
- 2 culleres de sirope de arce
- 1 mango grande
- Unhas poucas améndoas
- Coco relado
Preparación:
- A noite anterior, pon as sementes de chía nun recipiente ou tarro de cristal con tapa e engade o leite de coco e o extracto de vainilla. Así lograrás que lle acheguen o sabor adecuado. Agrega tamén un pouco de sirope de arce ou calquera outro tipo de edulcorante natural. Remove ben e méteo na neveira.
- Durante a primeira hora, remove un pouco o contido do tarro para lograr un pudin uniforme.
- Ao día seguinte, toca preparar o resto de ingredientes. Pela o mango, pono nun vaso de batedora e tritura ata que quede unha textura suave.
- Coloca en vasiños (tantos como comensais) a base de chía ou de mango e encima o outro ingrediente, como prefiras.
- Decora cun pouco de coco relado ou unhas améndoas crocantes e listo para tomar!
Xa chegou a primavera á túa despensa? Apetéceche probar algunha das nosas propostas?
Converte a túa aula nun
espacio saudable
Descubre cando disfrutar de cada produto no seu mellor momento co noso calendario saudable
Para calquera consulta, escríbenos a:
alimentes@gadisa.es
Decálogos
Consume unha gran variedade de alimentos
Así serán maiores as posibilidades de que a túa dieta sexa equilibrada e contenga os nutrientes necesarios.
Prioriza os productos frescos ante os procesados
En especial, debes inxerir gran cantidade de verdura e froita fresca.
A hidratación é clave e a auga é a mellor bebida
Lémbrate de beber unha cantidade abundante de auga ao longo do día.
Elimina os hábitos tóxicos
O tabaco, o consumo abusivo de alcohol e o sedentarismo son tremendamente perxudiciais.
Mantén unha actividade física diaria
Adecuada a túa idade e estado, que te permítache disfrutar e coidarte.
Prioriza o consumo de alimentos locais e de tempada
Respetan o ciclo natural, xeran riqueza no entorno e chegan máis frescos e sabrosos.
Lee as etiquetas dos produtos
Aprende o significado da información dada. Un consumidor informado é un consumidor responsable.
Aumenta o número de compras á semana
Permitiráche ter sempre produtos frescos e frear o malgasto de alimentos no teu fogar.
Almacena adecuadamente os alimentos
Así aumentarán o seu tempo de consumo e evitaremos o desperdicio.
Súmate ás bolsas de compra reutilizables
As bolsas biodegradables para o cubo do lixo son prácticas, hixénicas e respetuosas có medio ambente.
Fai un uso racionalizado da auga
Evita deixar grifos abertos ou prelavados innecesarios no lavalouza e lavadora.